• Limpeza na Batería de Cabo Prior

    Onte, sábado 3 de agosto, o colectivo cidadán "Acción Directa de Recuperación de Espazos Públicos", realizou unha limpeza nun dos hangares das antigas baterías defensivas de Cabo Prior. A elección desta acción vén para poñer de manifesto o estado de desleixo de todas as fortificacións defensivas do século XX, existentes en Ferrol, convertidas en "puntos limpos" onde moitos particulares e mesmo empresas, desfanse de todo tipo de entullos, electrodomésticos, e calquera clase de refugallo.

    Pero sobre todo queriamos denunciar a falta de sensibilidade do actual goberno municipal, que pretende "regalar" 500.000 euros ao Ministerio de Defensa, para a adquisición destes vertedoiros, un malgasto incomprensible coa crise actual, e falto de sensibilidade social.

    "Co apoio do PSOE"

    Segundo deixou entrever o edil socialista Jaime Pena, seguramente o PSOE votará a favor desa adquisición. Unha incongruencia absoluta, pois este partido se manifestaba hai uns meses en contra doutro tipo de malgastos millonarios previstos, como é o caso dos 812.000 euros para a Praza de España.

    O BNG e IU xa se posicionaron en contra de pagar nin un euro a Defensa por eses terreos.

    Deixámoslle todo o lixo recollido amontoado no exterior, á vista da xente, esperando que agora teñan a decencia de retirala.

0 comentarios:

Publicar un comentario